Wednesday 26 de June de 2024

O Concello de Brión inviste máis de 10.000 € na mellora do parque infantil de Cornanda


Esta actuación súmase ás realizadas nos últimos meses nos Ánxeles, Bastavales, Guitiande e Inxerido, así como a construción do parque cuberto da rúa Tarrío

O Concello de Brión vén de rematar as obras de mellora do parque infantil de Cornanda, nas que investiu algo máis de 10.000 euros. Os traballos consistiron na instalación de novos xogos como un tobogán, un balancín, unha estrutura multixogos e un columpio mixto con dous asentos (un plano e outro de seguridade para bebés).

Así mesmo, o Concello de Brión procedeu á limpeza e reposición da area da superficie do parque infantil, así como á substitución do valado perimetral por un novo de piñeiro silvestre e a instalación dun banco de madeira nunha das esquinas para que as persoas adultas poidan descansar mentres non perden detalle dos xogos das súas crianzas.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, destaca que “entre os nosos compromisos coa cidadanía figuraba a mellora dos xogos e o valado do parque da Cornanda, que xa é unha realidade, así como as renovacións dos parque infantís de Chave e Boullón e a construción de dous novos parques infantís en Gronzo e Nináns, que acometeremos nos vindeiros meses”.

Unhas actuacións que forman parte do programa de conservación e posta a punto dos parques infantís que está a executar o Concello de Brión e que xa se traduciu na mellora dos parques infantís de Bastavales, Guitiande e Os Ánxeles, a cubrición do parque infantil da rúa Inxerido e a construción dun novo e gran parque infantil cuberto na rúa Tarrío.

Deja un comentario